Segredos dos Petroglifos




SEGREDOS DOS PETROGLIFOS:
 PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO (PONTEVEDRA)

ÍNDICE

1.- MOUROS, SERPES E TESOUROS: A MEMORIA SOCIAL DO CAMPESIÑO GALEGO.
2.- UNHA MARCA XENUINAMENTE GALEGA.
3.- PETROGLIFOS: DE FIGURAS NAS ROCHAS A MONUMENTOS.
4.- Á BEIRA DO ATLÁNTICO.
5.- MILLEIROS DE FIGURAS.
6.- ARQUEOLOXÍA, EN PONTEVEDRA.
        6.1.- COMEZOS.
        6.2.- ITALIANOS, EN CAMPO LAMEIRO.
        6.3.- ACTUALIDADE.
7.- DESVELANDO OS ARQUIVOS DA TERRA.
8.- REXISTRAR E DOCUMENTAR PETROGLIFOS.
        8.1.- SISTEMAS DE CONTACTO.
                 8.1.1.- FRETADO CON PAPEL CARBÓN.
                       8.1.2.- CALCO SOBRE PLÁSTICO.
        8.2.- NOVAS TECNOLOXÍAS.
9.- LABORATORIO DA PAISAXE: CIENCIAS, EN AXUDA DA ARQUEOLOXÍA.
10.- A PRODUCIÓN DE ALIMENTOS.  
        10.1.- AGRICULTURA.
        10.2.- COLLEITA DE FROITOS.
        10.3.- GANDARÍA.
        10.4.- CAZA.
11.- FABRICANDO OBXECTOS: TEXTIS E UTIS.   
       11.1.- TÉXTIL.
        11.2.- UTIS VARIOS. 
                  11.2.1.- VASOS CERÁMICOS.
                       11.2.2.- UTIS DE PEDRA.
                       11.2.3.- METALURXIA.
                       11.2.4.- ORFEBRERÍA.
12.- ARQUITECTURAS, PARA A VIDA E A MORTE.
       12.1.- ARQUITECTURA, PARA A VIDA.
                  12.1.1.- O POBOADO.
                       12.1.2.- ESTRUTURAS INTERIORES.
       12.2.- ARQUITECTURA, PARA A MORTE.
                  12.2.1.- AS CISTAS.
13.- PEDRA CONTRA PEDRA.
14.- O CERVO, O SEÑOR DO BOSQUE.
       14.1.- BESTIARIO.
                  14.1.1.- REPRESENTACIÓN DE CERVOS.
       14.2.- CAZADORES E XINETES.
       14.3.- ARMAS E GUERREIROS.
15.- NOVOS ENIGMAS.
       15.1.- MAXIA E SIMBOLISMO.
                 15.1.1.- MAXIA.
                      15.1.2.- SIMBOLISMO.
                                   15.1.2.1.- A FECUNDIDADE.
                                   15.1.2.2.- O SOL.
                                   15.1.2.3.- A MORTE.
       15.2.- TRANSITANDO ENTRE DOUS MUNDOS.
                  15.2.1.- CHAMANISMO.
                       15.2.2.- VIAXES, EN ESTADO DE TRANCE.
                       15.2.3.- DESEÑOS XEOMÉTRICOS COMA IMAXES ENTÓPTICAS.
                       15.2.4.- SUSTANCIAS PSICOTRÓPICAS, AO PÉ DOS PETROGLIFOS.
       15.3.- PETROGLIFOS: FERRAMENTAS DE MANIPULACIÓN SOCIAL?
16.- A CONSERVACIÓN DA MEMORIA. PETROGLIFOS: UN PATRIMONIO AMEAZADO.



1.- MOUROS, SERPES E TESOUROS: A MEMORIA SOCIAL DO CAMPESIÑO GALEGO.

   A partir dun produto cultural xa elaborado -por comunidades humanas claramente pretéritas-, a sociedade campesiña galega proxectou a súa visión do mundo, e reelaborou un descurso, para o explicar e lle dar sentido.
           
    Nestas lendas, tenden a aparecer, de xeito reiterado, abraiantes tesouros custodiados polos mouros –seres míticos, dotados con poderes máxicos-; serpes, con poderes fecundantes; e fermosas mulleres, gardando tesouros (as mouras).

2.- UNHA MARCA XENUINAMENTE GALEGA.

            Moitos dos deseños propios dos nosos grabados rupestres teñen sido incorporados á vida cotiá: imaxe corporativa de numerosos organismos, imaxe comercial de moitos productos de consumo, ou do mundo da publicidade.

            Deste xeito, o público foi configurando mentalmente un conxunto de imaxes, que considerou propias do universo simbólico galego, e ás que atribúe carácter identitario.

3.- PETROGLIFOS: DE FIGURAS NAS ROCHAS A MONUMENTOS.

            A Red Galega do Patrimonio Arqueolóxico –RGPA- conta con catro grandes parques arqueolóxicos:

            * MEGALITISMO (A Coruña).
            * ARTE RUPESTRE (Pontevedra).
            * CULTURA CASTREXA (Ourense).
            * MUNDO ROMANO (Lugo).

4.- Á BEIRA DO ATLÁNTICO.

            A maior parte dos petroglifos galegos atópanse na franxa máis occidental, en torno ás RÍAS BAIXAS, acadando a máxima densidade ao longo do río LÉREZ -preto da ría de PONTEVEDRA-, e, especialmente, nos concellos de CAMPO LAMEIRO e CERDEDO-COTOBADE (a maior cantidade de rochas gravadas, a maior diversidade de motivos e as composicións de maiores dimensións).

5.- MILLEIROS DE FIGURAS.

         Podemos dividir os motivos dos petroglifos de Galicia en dous bloques temáticos: xeométrico e naturalista.

            Os DESEÑOS XEOMÉTRICOS inclúen:
                      
                       * CAZOLETAS (buratos).
                       * CÍRCULOS CONCÉNTRICOS.
                       * LIÑAS RECTAS (que entrelazan os círculos concéntricos).
                       * ESPIRAIS.
                       * LABIRINTOS.
                       * LABIRINTIFORMES (simulan labirintos, aínda que están conformados por unha soa liña).
                       * CADRADOS (con esquinas arredondadas).
                       * RETICULADOS (múltiples ventaíñas).
                       * LIÑAS EN ZIG-ZAG.
                       * ESVÁSTICAS.
                       * TRISQUEIS.

            Os DESEÑOS NATURALISTAS inclúen motivos figurativos:

                       * ZOOMORFOS: cervos, cabalos, cans e ofidios (serpes).
                       * ARMAS: puñais, espadas, lanzas, arcos e frechas.
                       * ÍDOLOS (deuses).
                       * ANTROPOMORFOS (seres humanos).
                       * PEGADAS de humanos e animais.
                       * BARCOS.
                       * PALETAS.
                      
* Cando, nunha mesma rocha, conviven motivos xeométricos e motivos figurativos, usualmente os xeométricos SITÚANSE máis arriba, e os figurativos, na zona baixa da rocha.

* Hai numerosos ARQUEOASTRÓNOMOS que consideran que algúns motivos xeométricos están relacionados con astros, posicións do sol, etc.

* Crese que as FENDAS profundas, nos petroglifos, eran consideradas coma portas ao INFRAMUNDO. Tamén, aproveitaban a presenza de gretas, para SEPARAR ESCEAS, nunha mesma composición.

* Parece que buscaban que houbera VETAS de minerais (cuarzo, sobre todo).

6.- ARQUEOLOXÍA, EN PONTEVEDRA.

            6.1.- COMEZOS.

            FREI MARTÍN SARMIENTO (século XVIII), xa foi un precursor en estudos arqueolóxicos.
           
            No século XIX, aparece a SOCIEDADE ARQUEOLÓXICA DE PONTEVEDRA (creada por Casto Sampedro Folgar), que aglutina a recoñecidos personaxes da vida intelectual e social pontevedresa.
           
            No estudo arqueolóxico da nosa provincia, cabe destacar unha SAGA FAMILIAR:
                       * Enrique Campo Sobrino, que ilustra algúns dos mellores debuxos de petroglifos.
                       * Ramón Sobrino Buhigas, que aporta o primeiro catálogo de arte rupestre galega, e de simbolismo, no seu “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”.
                       * Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, que aporta un amplísimo coñecemento da arte rupestre europea.

            6.2.- ITALIANOS, EN CAMPO LAMEIRO.

            Xa, no século XX, un grupo de investigadores italianos inclúen os petroglifos galegos como obxecto de estudo.

            De todos eles, destaca EMMANUEL ANATI (o máis recoñecido investigador da arte rupestre italiana). Os estudos galegos e portugueses veránse fortemente influenciados polos resultados da súa investigación, establecendo paralelismos entre as distintas manifestacións da arte rupestre europea.

            6.3.- ACTUALIDADE.

            Nos derradeiros anos do século XX e nos primeiros deste:

                       * Estánse a realizar ANÁLISES COMPARATIVAS entre os PETROGLIFOS e outras manifestacións artísticas atopadas sobre MEGALITOS (tumbas amplas) e CISTAS (tumbas pequenas, en forma de cubo, para unha soa persoa).

                       * Comézanse a considerar os petroglifos como MARCAS NA PAISAXE (ao seu redor, practicaban numerosos cambios no terreo).

                       * Refórzase o CONTIDO SOCIAL, na análise dos petroglifos (posiblemente, en torno a eles se realizarían cerimonias chamánicas; ademais, as esceas representadas dannos pistas sobre a xerarquía social).

7.- DESVELANDO OS ARQUIVOS DA TERRA.

            Os arqueólogos non traballan sos: especialistas en poles, sedimentos, carbóns, rochas, fauna e sistemas de datación axudan a reconstruir a vida cotiá das comunidades que, milleiros de anos atrás, habitaron este territorio.

            Unhas veces, a intervención prodúcese na base dalgúns gravados rupestres; outras, nas súas inmediacións.

            O obxectivo das primeiras é localizar evidencias de actividades –rituais ou domésticas- que se produxeran ao pé dos gravados. O obxectivo das segundas é documentar a existencia de asentamentos, nas proximidades dos petroglifos.

            No Parque Arqueolóxico, houbo unha intensa actividade construtiva; atopáronse:

                       * Restos estruturais, pertencentes a diferentes CABANAS, como PAVEMENTOS e BURATOS, para postes.

                       * Numerosas FOSAS.

                       * Un SILO, para a almacenaxe de gran ou outro material.

            Para poder ter unha visión máis ampla de como se desenvolvía a vida cotiá naquela época, cómpre analizar restos de diferente natureza; aparte dos arqueólogos, traballan:

                       * EDAFÓLOGOS, que estudan o solo, na busca de datos sobre o  clima, animais e plantas.

                       * PALINÓLOGOS, que son biólogos botánicos que estudan pole e esporas, no solo.

                       * ANTRACÓLOGOS, estudosos de restos de carbóns e madeiras de xacementos arqueolóxicos.

8.- REXISTRAR E DOCUMENTAR PETROGLIFOS.

            Para o rexistro dos motivos gravados, hai varios sistemas: de contacto (fretado con papel carbón, e calco sobre plástico), estereofotogrametría e escáner láser 3D, de última xeración.

            8.1.- SISTEMAS DE CONTACTO.

            Á marxe do sistema empregado, cumpriméntanse FICHAS DE REXISTRO, onde se recolle información relativa a:

                        *Os GRAVADOS (motivos, técnica, profundidade, estado de         conservación…).
                        *O SOPORTE (material, orientación, inclinación, conservación…).
                        *CONTORNA INMEDIATA (vexetación, riscos e ameazas…).
                        *TOPOGRAFÍA (localización exacta, e configuración da rocha; modelado dixital do terreo).

                       8.1.1.- FRETADO CON PAPEL CARBÓN.

            Ponse papel branco verxurado, directamente, sobre a rocha, fretando con papel carbón sobre a superficie, para capturar a textura do soporte, e deixar sen remarcar os surcos das figuras.

                       8.1.2.- CALCO SOBRE PLÁSTICO.

            En Galicia, este sistema adáptase mellor ao soporte granítico, e consiste xusto no contrario: remarcar o surco das figuras, e non a textura darredor.Énchese o interior dos surcos cunha pasta de xiz diluido, ou ben debuxando con xiz sobre o surco. Despois, ponse unha lámina de polivinilo transparente, de pouco espesor, directamente sobre o soporte, e úsanse retuladores indelebles, de grosores e cores diferentes, para rexistrar tanto os motivos gravados coma as particulariedades (fendas, gretas, placas…) do soporte.

            O ÚLTIMO PASO é a dixitalización dos calcos –acadados por calquera dos dous sistemas- escanéandoos; ademais, a información recollida pasa por un programa de tratamento de gráficos; finalmente, toda a investigación é volcada nunha base de datos.
           
            8.2.- NOVAS TECNOLOXÍAS.
           
            Nos últimos anos, contamos con modernas técnicas coma:
                       * O ESCÁNER LÁSER 3D.
                       * A FOTOGRAMETRÍA DIXITAL.

            Incorporan gran precisión e exactitude, permiten rexistrar os gravados e o seu soporte, e xerar modelos tridimensionais, para facer réplicas, catálogos e visitas virtuais.


9.- LABORATORIO DA PAISAXE: CIENCIAS, EN AXUDA DA ARQUEOLOXÍA.

            O coñecemento arqueolóxico é interdisciplinar, e precisa das aportacións doutras disciplinas científicas, como, por exemplo:

            * ANTROPOLOXÍA.
           
            * ETNOGRAFÍA.
           
            * HISTORIA DA ARTE.
           
            * ARQUEOASTRONOMÍA, que estuda a correlación entre a evidencia material        (gravados, localización de menhires, etc.) e a posición dos astros, no ceo, na época da súa realización.
           
            * XEOMORFOLOXÍA, que estuda a evolución e transformación da paisaxe.
           
            * EDAFOLOXÍA, que estuda os componentes físicos, químicos e biolóxicos do solo (minerais, vexetais e animais).
           
            * PALINOLOXÍA, que estuda poles e esporas.
           
          * ANTRACOLOXÍA, que estuda os carbóns e madeiras.
           
     * ARQUEOZOOLOXÍA, que estuda a fauna dun xacemento arqueolóxico, tanto animais DOMÉSTICOS (ovellas, cabuxas, porcos, cabalos e cans) coma SALVAXES (cervos, xabarís, aves, reptis, espiñas de peixes, cunchas de moluscos…). Atendendo ao grupo animal en estudo, hai varias especialidades: macrofauna, microfauna, ictiofauna (peixes), malacofauna (moluscos)…
           
            Especialmente relevantes son, tamén, os SISTEMAS DE DATACIÓN ABSOLUTA, coma o radiocarbono ou carbono 14, que serve para datar materiais de natureza orgánica (humanos, animais ou vexetais).

10.- A PRODUCIÓN DE ALIMENTOS. 

            10.1.- AGRICULTURA.

            Dende o III milenio A.C., a agricultura está consolidada: aparecen, nos xacementos, elementos de moenda, estruturas de almacenaxe e recipientes cerámicos de maior capacidade. Cultívase:

                        * TRIGO.
                        * CEBADA.
                        * NABOS.
                       * LEGUMINOSAS: fabas, lentellas e chícharos.

            10.2.- COLLEITA DE FROITOS.

            Collen froitos silvestres, principalmente LANDRAS e AVELÁS.

            10.3.- GANDARÍA.

            Dende o III milenio A.C., xa manexan:

                       * OVICÁPRIDOS (ovellas e cabuxas).
                       * BÓVIDOS (vacas).
                       * SUIDOS (porcos).
                       * ÉQUIDOS (cabalos).
                       * CÁNIDOS (cans).
           
            Por estas datas, os animais deixan de ser utilizados, exclusivamente, para o consumo de carne, e comeza, así, a REVOLUCIÓN DOS PRODUTOS SECUNDARIOS:

                       * LEITE.              * QUEIXO.        * MANTEIGA.

            10.4.- CAZA.

            Hai unha importante actividade cinexética:

    * CERVO.         * CORZO.         * XABARÍN.       * COELLO.

11.- FABRICANDO OBXECTOS: TEXTIS E UTIS.      

            11.1.- TÉXTIL.

            * Procesado de fibras animais: LÁ e COIRO.
            * Procesado de fibras vexetais: LIÑO.
                     * TEARES: atopáronse pesos de tear (facían teas, para vestir).
                     * CESTERÍA: tecían e trenzaban as fibras de diferentes especies vexetais, de xeito moi similar ao da cestería tradicional galega.

            11.2.- UTIS VARIOS.  

                       11.2.1.- VASOS CERÁMICOS.
           
            Presentan alisados e bruñidos. 

    En canto á FORMA, hainos con formas esféricas ou semiesféricas simples; outros, máis evolucionados, integran fondos planos e perfís en S.

     En canto á DECORACIÓN, hai cacharros pintados, recipientes inciso-metopados de tipo Penha, vasos campaniformes, e con decoración plástica.

                       11.2.2.- UTIS DE PEDRA.

            O material máis utilizado é o CUARZO, pero, tamén abunda o CRISTAL DE ROCHA, CUARCITA, PIZARRA e o SÍLEX.

            Elabóranse, mediante TALLA:
                      
                * RAEDEIRAS (lasca con un ou máis bordos retocados con incisións, para raer o coiro).
                       * BURÍS.
                       * RASPADORES.
                       * PUNTAS DE FRECHA.

            Hai, ademais, utis PULIMENTADOS de GRANITO, ANFIBOLITA, ESQUISTO ou CUARCITA:
                      
                       * DURMINTES E MOVENTES (partes do muíño de man).
                       * FERRAMENTAS DE FÍO CORTANTE (para tala e traballo sobre madeira, coma MACHADAS,   AZUELAS –machadas pequenas, para desbastar madeira- e GUBIAS –para labrar madeira-).
                       * OBXECTOS DE ADORNO.
                       * ÍDOLOS.

                       11.2.3.- METALURXIA.

            Presenta afinidades con IRLANDA, SUR DE INGLATERRA ou a BRETAÑA FRANCESA, o que evidencia a existencia de contactos, a longa distancia, hai xa 5.000 anos.

            Hai predominio do COBRE en:
                       * MACHADAS CHAS.
                       * CINCEIS.
                       * ALABARDAS.
                       * PUÑAIS DE ESPIGO.
                       * PUNTAS PALMELA.

            Máis tarde, abundan as ALEACIÓNS Cu-Sn (COBRE-ESTANO), para a fabricación de ESPADAS.
                      
                       11.2.4.- ORFEBRERÍA.
                      
            Dende hai 5.000 anos, no noroeste peninsular, coñécense as dúas técnicas de traballo do OURO:
                      
                       * LAMINADO.
                       * FUNDICIÓN DE PEZAS MACIZAS.

12.- ARQUITECTURAS, PARA A VIDA E A MORTE.

       Hai un gran contraste entre os materiais seleccionados, para erixir as moradas de vivos e mortos:
                      
                      * MATERIAIS PERECEDEIROS, para construir poboados.
                       * MATERIAIS PÉTREOS DURADEIROS, para levantar monumentos funerarios.

            12.1.- ARQUITECTURA, PARA A VIDA.

                  12.1.1.- O POBOADO.

         Hai POBOADOS xunto ao mar, pero, xeralmente, se sitúan en TERRAS ALTAS, próximos a cuencas de recepción (ríos grandes) e a braña (pasto fresco, durante todo o ano).

         Realizaban un PROCESO DE ACONDICIONAMENTO do espazo ocupado (rebaixe e nivelación do chan).

            O espazo ocupado atópase delimitado por unha profunda ZANXA, que soportaba unha EMPALIZADA.

                       12.1.2.- ESTRUTURAS INTERIORES.
           
            Hai CABANAS rectangulares, aínda que predominan as CIRCULARES:
                      
              * De tamaño pequeno, para vivendas.
              * De maior tamaño, para xuntanzas da comunidade.

            Ademais das vivendas en si, atópanse FOGARES –PARA O LUME-, ESTRUTURAS DE COMBUSTIÓN, FOSAS e SILOS.

            Como parte do SISTEMA CONSTRUTIVO, aparecen: buratos, para postes; parénteses; zanxas, etc.

            12.2.- ARQUITECTURA, PARA A MORTE.

            Hai 5.000 anos, comézanse a CLAUSURAR os accesos aos DÓLMENES (monumentos de corredor; tumbas comunitarias).

            No seu lugar, aparecen SOLUCIÓNS FUNERARIAS DE PEQUENO PORTE, que anuncian novas formas de vida social, baseadas na preeminencia do poder individual:

                       * TÚMULOS TÉRREOS, SEN ESTRUTURA INTERNA (simples fosas).
                       * “CAIRNS” (túmulo cónico, feito con pedras).
                       * CISTAS.
                      
                        12.2.1.- AS CISTAS.
           
            Na Idade do Bronce, é o soterramento máis característico. Trátase de PEQUENAS CAIXAS, realizadas con lousas de pedra, e sepultadas baixo terra.

            Ás veces, no seu interior, hai ricos ENXOVAIS (“ajuares”): vasos cerámicos, armamento metálico, brazais de arqueiro e adornos en ouro e prata.

            Nas paredes interiores, tamén soen aparecer GRAVADOS (deseños xeométricos coma zigzags e ondulados).

13.- PEDRA CONTRA PEDRA.


            O GRANITO é o soporte fundamental elixido, para gravar os petroglifos, aínda que hai algúns exemplos sobre ESQUISTO e PIZARRA.

            O GRAVADO é a técnica empregada, mediante percusión con outro obxecto máis duro có soporte, coma o CUARZO ou a CUARCITA.

            Os SURCOS obtidos son anchos e pouco profundos, presentando un PERFIL en “U” MOI ABERTO. No estudo da técnica de execución, hai quen defende o uso da percusión directa; e outros, que avogan polo emprego dunha percusión indirecta.

            Os PASOS aproximados serían os seguintes:

1º) Deliñado da figura a gravar, cunha pequena lasca de cuarzo.
2º) Percusión directa, cun percutor de cuarzo. 
3º) Abrasión, cun pequeno canto de cuarcita, para regularizar e suavizar o surco.


14.- O CERVO, O SEÑOR DO BOSQUE.




           
            A través do estudo da arte rupestre, podemos penetrar na mente dos homes e mulleres do Neolítico Final e da Idade do Bronce, comprendendo mellor os grupos humanos que os crearon.

            14.1.- BESTIARIO.

            No bestiario plasmado nos petroglifos galegos, hai OFIDIOS (serpes), CÁNIDOS (cans), ÉQUIDOS (cabalos) e, sobre todo, CERVOS (centos deles!).

                       14.1.1.- REPRESENTACIÓN DE CERVOS.

            Os cervos, ás veces, semellan ESTÁTICOS, coa babeza baixa, coma se estiveran a pastar, pero o habitual é que estean EN MOVEMENTO.

            Con frecuencia, represéntanse, nun mesmo panel, VARIOS CERVOS (téndense a aliñar e desprazar, NA MESMA DIRECCIÓN).

            É usual a plasmación de actitudes propias do PERÍODO DE CELO deste animal (o cal ocorre a comezos do outono):
* CERVOS MACHOS ADULTOS BERREANDO:
                  * Cabeza e cornas desprazadas cara atrás.
                  * Pescozos desproporcionadamente longos.
                  * Falos desproporcionados.
* ANIMAIS ULISCANDO XENITAIS.
* ANIMAIS COPULANDO.
* MACHOS LOITANDO, ENTRECRUZANDO AS CORNAS.

            14.2.- CAZADORES E XINETES.
           
            As esceas cinexéticas máis explícitas inclúen unha ou varias figuras humanas, blandendo ARMAS ARROXADIZAS, perseguindo ou lanceando cervos.

            Na “Laxe dos Carballos” (Campo Lameiro, Pontevedra), a figura principal, un gran cervo macho, ten ata seis LANZAS CRAVADAS sobre o seu lombo, e unha especie de colar, sobre o seu pescozo.

            Aínda que escasas, tamén existen representacións de MONTA DE CERVOS, aínda que o habitual é que o animal montado sexa un CABALO (doadamente recoñecible pola súa longa e espesa cola).


            14.3.- ARMAS E GUERREIROS.

         Nos nosos petroglifos, aparecen representados:

                       * ÍDOLOS (CON TATUAXE FACIAL).
                       * ARMAS.
           
            A inclusión de representacións de armas metálicas reflicte A CRECENTE IMPORTANCIA DO BÉLICO entre os grupos humanos: PUÑAIS, ESPADAS, ALABARDAS e ESCUDOS.

            ENFATÍZASE a PRESENZA das ARMAS, de varios xeitos:

                * TAMAÑO DESPROPORCIONADO
                * VARIAS ARMAS ALIÑADAS COA PUNTA CARA ARRIBA
                * DISPOSICIÓN ALTERNA DE PUÑAIS

            ENFATÍZASE a lexitimación da PREEMINENCIA SOCIAL do GUERREIRO, de varios xeitos:

              * ESCEA DE CAZA ARREDOR DUN GUERREIRO: en “Nabal de Martiño” (Ponte Caldelas, Pontevedra); o guerreiro, na posición central, porta armas.
          * GUERREIRO, CON EXPLÍCITO ÓRGANO SEXUAL, ASOCIADO A VARIOS CERVOS: en “Siribela”.
   * Noutros focos europeos, aparecen FIGURAS MASCULINAS, EXHIBINDO ARMAS que se depositan como ENXOVAL, nos soterramentos de varóns.

15.- NOVOS ENIGMAS.
      
       O UNIVERSO SIMBÓLICO reflictido nos petroglifos é un SISTEMA DE COMUNICACIÓN, para almacenar, transmitir e recuperar información relativa ao mundo social e natural.

            Crese que, ao pé dalgúns petroglifos:

        * Terían lugar ACTIVIDADES ou ACONTECEMENTOS RELEVANTES, para a comunidade.
      * Contaríanse NARRACIÓNS ou HISTORIAS necesarias, para a COHESIÓN e PERVIVENCIA do grupo.
      
       15.1.- MAXIA E SIMBOLISMO.
        
            As explicacións sobre a arte rupestre figurativa baséanse, sobre todo, na TEORÍA PANCINEXÉTICA (caza), porque:

                   * Hai inequívocas esceas de caza, nos gravados.
           * Os petroglifos aparecen en áreas de paisaxe permanentemente encharcadas ás que acode o gando a pastar.
               * Hai gravados de deseños semellantes a  trampas -para cazar animais- e a apriscos -para pechalos-.

            A teoría pancinexética engloba dous aspectos fundamentais: MAXIA e SIMBOLISMO.
                      
                       15.1.1.- MAXIA.
           
            Crían que, a través dos actos representados na arte, se producían efectos similares, no mundo real. Así, aparecen figuras de animais, con lanzas cravadas sobre o seu lombo, e, tamén, cervas grávidas (preñadas). Propiciaríase, deste xeito, a CAZA e a FECUNDIDADE destes animais.

                       15.1.2.- SIMBOLISMO.

            A frecuente presenza de cervos, nos nosos petroglifos, vincúlase á relación simbólica destes animais coa FECUNDIDADE, O SOL E A MORTE.

                                   15.1.2.1.- A FECUNDIDADE.

            En outono, comeza a berrea dos cervos machos, que buscan chamar a atención das femias, para copular. É o momento en que teñen a cornamenta completa, estiran o pescozo, berrean e, a menudo, loitan contra outros machos. Todos estes elementos son representados, nos petroglifos, como SÍMBOLOS de fecundidade.

                                   15.1.2.2.- O SOL.

            Ao comezar o inverno, os cervos perden, cada ano, as súas cornas. Comezarán medrar, pouco despois, de xeito que, para a primavera, volven estar completos (aínda que cubertos dunha pelusa, que se irán quitando eles mesmos, ata estar, de novo, en plena forma, para antes do inverno).

            Todo este PROCESO REXENERATIVO coincide co proceso rexenerativo do sol, no ano. Para reforzar esta idea, atopámonos con petroglifos de cervos en berrea, cuxas cornas amosan TRECE RAMIFICACIÓNS, simbolizando as TRECE LÚAS que hai nun ano solar completo.
           
            No SOLSTICIO DE INVERNO (21 de decembro), sábese que os nosos antergos percibían o proceso que se daba no ceo coma a MORTE DO SOL.

            A palabra “solsticio” vén do latín sol + sistere ("quedarse quieto"), e alude ao instante en que o sol chega ao seu punto máis alto no ceo -dende a nosa perspectiva-, e, en apariencia, parece deterse, durante tres días – parecendo estar morto-, para volver cambiar de posición, coma se dun novo nacemento se tratase (ao amencer do 24 de decembro). É o “Sol Invictus” dos romanos -e que tanto semella ao nacemento de Xesús-.

            De aí, tamén, que, culturalmente, se asociara a Papá Noel, durante a madrugada do 24, con renos (cervos, gamos e renos son equivalentes, no seu valor simbólico rexenerativo) e con nenos (símbolo dun novo comezo).


                                   15.1.2.3.- A MORTE.

            Relacionado co anterior simbolismo da morte do sol, o CERVO leva asociado, tamén, un simbolismo relativo á morte en xeral. É considerado un ANIMAL PSICOPOMPO: condutor das almas dos mortos cara o outro mundo.

            O cervo aparece en moitas das versións do famoso MITO EUROPEO DA CAZA SALVAXE: unha especie de Santa Compaña que surca os ceos, no solsticio de inverno ou en noites de tormenta, levando as almas dos defuntos consigo.

            Odín, o deus nórdico, surcaba os ceos, na súa xornada de caza salvaxe, acompañado de Sleipnir: un marabilloso cabalo voador de oito patas (que, á súa vez, simbolizaban os oito ventos que sopran dende os seus respectivos puntos cardinais).



            O feito de que sexan oito os renos de Papá Noel non é casualidade.  
           
            15.2.- TRANSITANDO ENTRE DOUS MUNDOS.
           

                        15.2.1.- CHAMANISMO.

            Nos últimos anos, estánse a vincular distintas manifestacións da arte prehistórica coas prácticas chamánicas.

            Detrás do chamanismo, está presente unha COSMOGONÍA que concibe a existencia de varios mundos superpostos ou paralelos, e a presenza de INDIVIDUOS CAPACES DE TRANSITAR entre un e outro, EN ESTADO DE TRANCE, para interpretar os acontecementos, e influir no seu desenvolvemento.

                       15.2.2.- VIAXES, EN ESTADO DE TRANCE.

            A sensación de viaxar, a través dun túnel ou torbellino, e de penetrar nas rochas, a través das súas fracturas naturais, son experiencias propias do trance.

            Nos nosos petroglifos, hai numerosos animais representados coma se estivesen entrando ou saíndo dunha combinación circular, ou penetrando no interior da rocha, a través dunha greta ou fisura.      

                       15.2.3.- DESEÑOS XEOMÉTRICOS COMA IMAXES ENTÓPTICAS.




            Sinxelos deseños xeométricos, en petroglifos galegos (cazoletas, círculos simples, heliomorfos –forma de sol-, ondulantes ou reticulados –as famosas ventaniñas-) teñen sido equiparados a imaxes entópticas (producidas en estados alterados de conciencia).

            A reiteración, deformación e sensación de movemento, propios das alucinacións, pódense observar en combinacións circulares de petroglifos galegos.




                        15.2.4.- SUSTANCIAS PSICOTRÓPICAS, AO PÉ DOS PETROGLIFOS.
           
            Estas analoxías formais entre os estados alterados de conciencia e os petroglifos galegos vense reforzadas pola identificación, nalgúns xacementos da Prehistoria recente do noroeste peninsular, ao pé dos petroglifos, de diferentes sustancias psicotrópicas, e que puideron ter sido inxeridas, para inducir as alucinacións. 

            Aparecen, por exemplo, cápsulas de Papaver Somniferum, nalgúns deles; e noutros, un dos seus compoñentes activos: a hiosciamina.


            15.3.- PETROGLIFOS: FERRAMENTAS DE MANIPULACIÓN SOCIAL?


            En toda Europa, durante o Neolítico e a Idade de Bronce, prodúcese unha acentuación da desigualdade e da asimetría social, un inusitado interese polo armamento e unha crecente énfase no poder individual e no masculino.

            Aparecen as chamadas “rochas panoplia”, onde se amosa unha ampla mostra de armamento propio da época (puñais, espadas e alabardas, coas puntas cara arriba, xunto a figuras escutiformes –escudos-), como se formasen parte dunha comitiva ou desfile.

            Especialmente significativo é que, ao pé de todas estas rochas, se abren amplas superficies chas e paisaxes abertas, idóneas para a realización de actividades de carácter ritual.

            Os petroglifos convértense, así, en ferramentas de manipulación social: un mecanismo para a produción e a reprodución da asimetría social; un recurso ideolóxico dos grupos sociais hexemónicos, para lexitimar e naturalizar unha visión do mundo social, na que se priorizan os intereses dos guerreiros.


16.- A CONSERVACIÓN DA MEMORIA. PETROGLIFOS: UN PATRIMONIO AMEAZADO.


            O biodeterioro é un dos problemas que afecta, de xeito grave, aos petroglifos, xa que acentúa a degradación progresiva –física e química- da rocha.

            Os AXENTES BIOLÓXICOS son diversos: fungos, algas, liques, bacterias, briofitos e plantas vasculares.

            Nos últimos tempos, a ACCIÓN HUMANA está a ser determinante, neste deterioro:

                       * INCENDIOS FORESTAIS.
                       * ABANDONO DO MONTE.
                       * TRABALLOS DE CANTERÍA TRADICIONAL.
                       * ACCIÓNS VANDÁLICAS.

            De todos eles, o que ten máis repercusións é o LUME. As altas temperaturas alcanzadas na combustión provocan un intenso fenómeno de TERMOCLASTIA (responsable do desprendemento de placas, e a conseguinte perda irremediable de figuras).

            En canto ás ACCIÓNS VANDÁLICAS, debemos lembrar que o remarcado do surco con fragmentos de pedra ou ladrillo ocasiona danos irreversibles. Non digamos os grafitis…          

            Só a través do aprezo e a promoción de actitudes positivas cara a conservación, é posible garantizar a transmisión ás xeracións futuras dos petroglifos e a paisaxe na que, unha vez, atoparon o seu sentido. Realmente, non é o seu dereito. É a nosa obriga.
           




           

Comentarios